O lavanco é o parrulo salvaxe máis común na Galiza. O aspecto do macho na época reprodutora é moi característico: gris co peito e o lombo castaños, cola negra, cabeza de cor verde metálica cun anel branco na parte inferior e o peteiro amarelo agrisado. Na parte posterior das asas ten unha banda azul con beira branca, ben visible cando voa.
Un dos mellores lugares no país onde ver lavancos é o espazo natural da Lagoa de Doniños, Comarca de Ferrol, onde hai un observatorio ornitolóxico.