Ben se lava o gato depois de farto. (Refrán tradicional galego)
Tamén coñecido en galego como Mico ou Micho, o gato é un dos animais típicos da casa rural galega. O mico era moi aprezado pois mantiña a casa e os celeiros libres de ratos.
O gato galego ten pelaxe en variadas cores; pode ser branco e negro, negro, gris con raias ou roxo con raias como este mico do país.
No folclore galego, o micho sempre foi considerado como un animal meteorolóxico e críase que moitos dos seus actos nalgúns días predecían o tempo. Así, cando o gato corría moito pola casa era sinal de vento, e cando lavaba a cara anunciaba unha visita ou chuvia próxima.