Vivo no mar, morro na terra, e estou canda ti se vas á feira. (Adiviña tradicional galega)
O polbo é un dos animais máis característicos da gastronomía galega, e non hai feira típica do país na que falte o caldeiro e as racións de polbo.
O polbo é un molusco cefalópodo que vive ao longo de toda a costa galega, e en épocas pasadas era considerado como comida de pobres, para aqueles que non tiñan para peixe nen carne.
Dise que o polbo é mellor cociñado no interior do país que na costa, e hai nisto unha parte de razón. Mentres que o peixe non se podía transportar distancias longas sen que apodrecese polo camiño, o polbo conservábase ben durante varios días de viaxe. Ao ser o único produto do mar nas lareiras do interior, cociñábase con esmero coma un manxar.
A comarca do interior con maior sona pulpeira de todo o país é O Carballiño, onde o segundo domingo de agosto se celebra a Festa do Polbo.